Boiro 25 Abril de 2022
A Asociación Amicos realizou este 25 de abril a entrega dos vales de 50 euros sorteados entre as persoas que mercaron no comercio local durante a campaña do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo.
Estes vales foron proporcionados polas asociacións de empresarios de Boiro, Ribeira, Rianxo e por Somos Rianxo, catro entidades que tamén estiveron presentes na entrega dos premios.
No concello de Boiro, María José Piñeiro, técnica do ABE, repartiu os 50 euros a Miguel Ángel Riveiro, que deberá gastar nos comercios adheridos a asociación de empresarios de Boiro.
Doutra banda, Isabel Lapido, xerente da Asociación de Empresarios de Ribeira, fixo entrega do seu vale de 50 euros a Borja Casais.
Isabel Lapido quixo agradecer o labor de Amicos pola súa implicación neste tipo de accións e mostrouse moi contenta de poder colaborar coa asociación.
En canto a Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE), a responsábel de entregar o vale de 50 euros a María Montserrat González foi Ana Vicente, xerente da patronal.
O sorteo foi realizado de maneira aleatoria entre aquelas persoas que mercaron no comercio local entre o 24 de marzo e o 2 de abril e enviaron o tícket co seu nome completo, teléfono e correo electrónico ao enderezo diadoautismo@amicos.org. Ademais, o comercio local que mellor decorou e iluminou de azul tamén ten premio. Nesta ocasión, o gañador foi elixido polo xurado de Amicos, que decidiu que a tenda “máis implicada na causa” foi o Estanco Lourdes, en Ribeira.
Amais, o xurado de Amicos quixo facer mención especial a Neuralmente en Rianxo, Deportes Señor Balón e Lolita Moda en Boiro, pola “súa participación e implicación de maneira extraordinaria na campaña Decora e ilumina de azul o teu negocio. Os tres comercios locais fomentaron a compra e a participación de todos na iniciativa.
Amicos mostrou o seu agradecemento á colaboración das entidades empresarias e ós comercios pola súa implicación na campaña informando ós clientes sobre a mesma e decorando os escaparates de azul.
Finalmente as Asociacións indicaron que é un gran orgullo participar sempre nestas iniciativas solidarias nas que é importante que todos xuntos sumemos esforzos.